venres, 30 de marzo de 2018

OLLANDO O REFUXIO DO CASCON





Nun só recordo
vén o tento do antonte
no mesmo sobrado frío, 
aló, na mesma fraga,
nos netos dos mesmos paxaros,
no illó das mesmas augas.
Tamén os mesmos camiños,
Só eu, xa non mesma,
evocando todo aquel sol.
                                                                                                    Medos Romero

luns, 30 de xaneiro de 2017

Un muiño no rego de Aguieira

Moitos dos nosos muiños están a piques de desaparecer,  por abandono das aldeas,  dos cultivos tradicionais de cereais -trigo e centeo-, ou polo aumento do terreo adicado a pastos pola mellora da cabana gandeira, ... en fin estas humildes edificacións foron esquencendose  ó longo do século XX.

Este muiño nas paredes de fora ten duas pedras de asento, chamadas tamen pousadoiros que se usan para apoiar os sacos de gran.
Na porta daquel muíño, 
hai dúas pedras de asento,
unha é para namorar,
e outra pra pasa-lo tempo.

No interior do muiño  todavía se poden apreciar os distintos elementos que o compoñen.
O Rodicio

Á porta do muíño vello púxenme a pensar,
nas voltas que dá o rodicio,
e aínda nas que ten que dar.
Muíño de peza
de son cantareiro
morriches de fame
sorriches de pena
meu muíño albeiro
Como se pode apreciar nestas imaxes.  "Andando gaña o muíño, que parado está perdido "
Neste rego chegou  haber catro muiños, pero o único que se conserva ben e este, o muiño de parceiros de Labrada e Pesegueiro, chamase asi por ser de varios co-propietarios que participaron na súa construcción e mantemento. É un muiño de pequeno tamaño,  a construcción é boa. Os muros están feitos có habitual cachote, e o tellado, en bastante bo estado, a dúas augas recuberto con lousa.
No mapa podedes ver dentro do 0 onde se atopa o muiño.

Imos baixar, ¿vides?

O peor é chegar a el, o camiño de baixada desde Pesegueiro é bastante escarpado, chegase millor desde Labrada, a baixada e mais curta e suave.
No muíño fan cantigas, 
no muíño fan concellos,
no muíño fanse amores, 
e contan contos os vellos.   
Unha noite no muíño 
unha noite non é nada 
unha semaniña enteira
eso si que é muíñada.

Reseñar que Os muíños, (a maioría dedeles) como núcleo das relacións sociais da parroquia

Se tivo importancia relevante no económico, non menos a posuíu no social, posto que se converteu no verdadeiro núcleo sobre o que viraban as relacións da xente da parroquia, aldea ou lugar, fundamentalmente da mocidade,
Os veciños debían acudir necesariamente ao muíño con asiduidade. Así, mentres se procedía á tarefa de moer, enchíanse os tempos de espera con actividades de lecer; bailes, cánticos, relatos de historias, lendas, anécdotas, xogos, etc., (muíñadas ou foliadas cando interviña a gaita). Dado que polo día o campesiño e a súa familia dedicábanse ás faenas da terra, a noite constituía o único tempo libre de que dispoñían para moer, de modo que eran frecuentes as reunións entre os usuarios. Estas podían prolongarse ata o día e adquirían carácter festivo (leria e troula en galego), nas que os mozos e mozas representaban un papel predominante.
De todo isto, quizais o máis significativo é que o baile galego por excelencia, a muiñeira, adopta esta alusión tan connotativa, á vez que se danza en sentido circular semellando a rotación da moa do muíño sobre o pé, ou a propia rotación do rodete.
("Los molinos y el ciclo del pan". José  Mª Leal Boveda)

Non se precisa pandeiro
 para baila-la muiñeira, 
 mentres dura a muiñada,
 fáino-lo ritmo a albeira.
Na porta daquel muíño,
hai un carballo rachado,
onde sentan as mozas,
a mata-lo condenado.

martes, 13 de decembro de 2016

Os últimos resquicios do outono na Ribeira do Bispo. (Río arriba)

Os meus ollos non se cansan de contemprar a beleza das suaves curvas que fai o río,
os cabalos salvaxes que pastan na súas beiras,
as mazás maduras esparcidas pola aira,
os castiñeiros, as aveleiras, os carballos, piñeiros, salgueiros, …
E enriba, o ceo, dono de este val, cheo de lembranzas doutros outonos esquecidos, e de longos días chuviñentos da invernia que está por chegar.
As aveleiras refulxen co resplandor do outono, hoxe, un 10 de decembro,  vai calor, ainda que un airiño maino aloumiña as follas das arbores desta fraga de ribeira.
Pasiño a pasiño vou río arriba, deixome levar, o silencio engaiolame os sentidos, e mentres disfruto da camiñata, lembrome de outros outonos.

Núos pés en herba da tarde.
Tento en chasquido da folla seca,
acastañada do sol.
Mau arrincando cascamelos verdes
e bailaretes dun carballo.
Xesteiro florido anaga a tarde
de marelo intenso do ulido doce.
A trote vai un cabalo.
Silencio.
Vida no son dende min,
no son do rego ao lonxe,
na abella acochada na ortiga,
no vaivén da póla do loureiro
que chama polo vento
                                  Medos Romero

Aqui vos deixo a entrada do pasado outono pero río abaixo

sábado, 24 de setembro de 2016

A Curuxa Do Pedrón


Baixou a lúa
rarear no trigo.
Só a coruxa
crocou a noite.
Unha mau longa
apaxea as medras
do pan en flor.
                               Medos Romero