As cruces de pedra

Dentro das numerosas mostras do arte popular galego e de unha terra onde a pedra forma parte de a paisaxe, as cruces e os cruceiros  son os  monumentos máis abondosos, os que mellor se poden identificar coa paisaxe e quizais sexan os máis arraigados entre as xentes desta terra. O amplo número de cruces e cruceiros que balizan a paisaxe galega pódese interpretar como o resultado da presenza coincidente dun elemento material, a vernácula pedra de gra, dun símbolo relixioso universal, a cruz, e dunha serie de particulares factores etnográficos, entre os que se debe salientar a existencia dos vellos camiños e as encrucilladas como lugares de antigos cultos ou espazos de encontro co sobrenatural.
Esta tripla conxunción, dentro do marco constituído pola peculiar relixiosidade, as devocións populares e as antigas crenzas do mundo rural galego, herdeiro de primitivas culturas, para moitos pode ser unha das casusas desta abondosa presenza das cruces de pedra.
Dende a noite dos tempos  a pedra estivo sempre presente nos monumentos e paisaxes galegos. A pedra foi,  e segue a ser motivo de adoración ou culto.
As cruces de pedra teñen a función de guia e protección dos viaxeiros que percorren os camiños, de marcar os limites territoriais e a santificación dos tú,mulos, necrópoles e monumentos funerarios orixinarios de épocas anteriores ao cristianismo, así como a sinalización, en algún caso das chamadas malas mortes (falecementos repentinos ou ocorridos de xeito incidental).




 AS PEDRAS DO CAMIÑO


De pedra e ceo son
os camiños dos labregos
que percorren día a día
cos  calores do verán
e coas neves do inverno.

Camiñando polos tempos
polos montes e carreiros
cerca de pobos e aldeas,
a  paisaxe   fóndese
coas santas cruces de pedra

Velaquí
qué nos queda?.
Esperar,
esperar a que as voces do silencio
empécennos a contar
como xurdiu esa pedra
e como a vida nos leva.

Chus 

A cruz dos Barros


Neste concello somos privilexados ao poder contar cun ancestral vieiro o coñecido como O Camiño Vello dos Arrieiros que discorre polo cordal das serras da Faladoira e da Coriscada  e no que se levantaron unha serie de cruces de pedra coas que se pretendeu sacrilizalo, e a maioria atopanse en  bo estado de conservación.
Pero iso non é todo, so na parroquia das Grañas atopamos máis de TRES DUCIAS de cruces, quizais chegasen ás CATRO, pero xa non están todas, unhas desapareceron, rouperon ou  perdéronse  cando se fixeron as  estradas, e outras  gracias as  falcatruadas dos de sempre, que as levan por diante sin importarlles o máis minimo.
Moitas destas cruces teñen nomes propios,  nomes curiosos, nomes fermosos, outras levan aparellada unha lenda,  pero e difícil saber o porqué deses nomes dada a antigüidade dos mesmos.
Os "cruceiros" son, en expresión de Castelao: "a máis enxebre manifestación artística do noso pobo, a máis puxente revelación da nosa espiritualidade".

Parte do texto  aquí escrito copieino do artigo "AS CRUCES DE PEDRA DO CAMIÑO VELLO DOS ARRIEIROS" (Juan J. Burgoa) CATEDRA. Revista Eumesa de Estudios

AS CRUCES DE PEDRA DE GRAÑAS DO SOR

Cristo da Faladora

 O Cristo da Faladora ou Cruz de Alvar González,  é  un cruceiro monolítico de lousa que alcanza uns 2 m de altura., chantado sobre un túmulo  "parece simbolizar de xeito farto expresiva naquelas desoladas alturas, o triunfo do cristianismo sobre os primitivos cultos pagáns. Ata sería probable que a gran lousa de que foi recortado procedese da cuberta dalgún dos próximos dolmens!¨. É o único cruceiro galego sobre túmulo megalítico., estando situada nun ancestral cruce de camiños antes do alto da Faladora. Trátase dunha das cruces máis coñecidas do camiño dos Arrieiros, que abrolla directamente do chan, fermosamente arrodeada de matogueiras de queiruga, co brazo inferior longo facendo de varal. Ergueita nun lugar visibel e sobran-ceiro, está feita de boa pedra de granito, ten forma latina, os seus brazos son curtos e desección oblonga, e carece de efixies.





 Cruz da Liñaza








Cruz da Liñaza
Contan os vellos que nos tempos antigos, no lugar de Casateites, polas noites se viñan producindo roubos, tanto de cultivos coma de animais, mesmo algún dentro das vivendas, pero non eran capaces de pillar o ladrón, e así durante meses, ata que un bo día xa non volveron roubar, pero cal foi a súa sorpresa cando días despois dous labregos que se dirixían ao Lombo do Medio, atallando polos montes para acurtar camiño, ao chegar ao cume do monte atoparon os restos do corpo dunha muller que fora atacada polos lobos e xunto a ela un saco  rachado con  máis ou menos media arroba de liñaza ciscada polo chan,  que botaran a faltar nunha das vivendas de Casateites. Como a muller non era coñecida, déronlle sepultura onde encontraron o corpo e levantaron unha cruz en sinal de advertencia para futuros rateiros.




Cruz da Silgada


Cruz do campo da festa ou das Labradias 

      

CRUZ DO CAL DO MACHO
Esta  cuz achase no fondal dun camiño que ven de Cabana e xuntase con outro que ven de Insua, e ao chegar a ela  atopanse dous novos sendeiros, o da esquerda levanos ao lugar que lle da nome á Cruz , "O Cal do Macho", e o da dereita levanos por una fermosísima fraga  durante ven media hora ata chegar as beiras do río Sor, creo que a Fraga chamase "O Queimado", pero non o poido asegurar, tentarei de enterarme. Chegar e atopar a Cruz no medio da encrucillada e fascinante, a primeira vez que fun tapabana as silvas , pero desta outra estaba bastante limpa, gracias que ainda queda xente que lle preocupa o noso patrimonio 
Cristo de Mouraz
Preto da Pena Branca, aló onde se xuntan os montes, da Panda, do Carabelote, da Penagrande e da Coriscada, podemos ver os restos do Cristo de Mouraz, entre monumentos prehistóricos, como representante da cristianización destas terras.
Dicía Federico Maciñeira, que era un gran cruceiro de pedra con ampla base, que servía de marco para dividir sobre aquel ángulo as parroquias de San Sebastián de Devesos, San Cristovo de Couzadoiro, San Mamede de Grañas do Sor e Santa María de Mañón, dicíndose na localidade que sentados ao pé da cruz poden xantar os catro respectivos curas sen saír de cadansúa.
Hoxe, se non nos decatamos, pode pasar por ser un monólito perdido no medio do monte. Del só quedan a súa base e parte do brazo máis longo.
Hai quen di que aínda perduran as trincheiras que fixeron os mouros, contra quen loitou o Xeneral Mouraz saíndo vitorioso grazas a un “pau de dous paus”. En lembranza desta vitoria ergueuse o monumento.
O caso é que o Cristo de Mouraz era lugar de cita antigamente para os romeiros, tanto para os que ían en peregrinación a Teixido como para os que se dirixían a Compostela. Isto é porque está en pleno Camiño dos Arrieiros, un camiño usado ata a Idade Media, que unía o porto de Vares con A Mourela (As Pontes).


Cruz do Chouzón
Vindo da Igrexa, na estrada do cemiterio,  mesmo ao chegar a Casateites de arriba atopamos esta fermosa e tosca cruz de pedra feita nunha soa peza e chantada enriba dun cerrume de pedras que separa duas leiras, esta é das grandes e vese ben, non fai falla buscala .


Cruz de Campo Redondo ou Cabeza de Grañavella








Encima dos valados
da fonda da corredoira,
alí donde a sua coira
deixou pra sempre alguén;
i-alí onde se xuntan
en cruce algúns sendeiros
os sencillos cruceiros
alí sempre se ven .
                (Borreas)
Abelino Gómez Ledo

Esta pequena cruz atopase nun cruzamento de camiños, baixando do que ven de Casateite, case  pegadiño a Cruz e a súa  esquerda atopase un sendeiro moi pouco transitado o que era o antigo camiño da Igrexa que nos leva a Cabanavella, e no que se atopa a Cruz da Gandara, se torcemos a dereita por unha pista asfaltada e a poucos metros chegamos a Grañavella, e si tiramos de fronte,  a un pouco máis de medio quilometro atopase a Arrufana, cada un de estes lugares ten a súa cruz e a súa historia.
E unha pena non ter modo de poder datar históricamente todas estas cruces.  
Cruz  da Gandara


Cruz da Gandara


Cruz de Arrufana

A primeira vez que fun a Arrufana fíxeno polo camiño vello, o que sae de Cabanavella, pasando pola pontiga, un camiño en desuso, practicamente abandonado e en moitos sitos invadido pola maleza, pero se pasaba bastante ben xa que a cantidade de árbores autóctonas que crecen a ambos os dous lados do camiño axuda a manter os chans bastante limpos, encántome o paseo, saímos a un cruzamento que se coñece co nome de Campo redondo ou Cabeza de Grañavella (ao fondo a pouco máis de 100metros encóntrase o lugar de Grañavella), ía coa miña sogra a Arrufana buscando un pozo artesán e unha cruz, e encontreinos, pero polo camiño deixeime a Cruz dá Gandara, non sabia da súa existencia ata que días máis tarde Cefucho me falou dela.
_Pero se pasamos polo camiño e non vimos ningunha cruz.
- Se queredes vóuvola ensinar.
Non me falto tempo para saír, chegamos a Campo redondo e pillamos o camiño vello e a cen e pico de metros máis ou menos, á dereita completamente tapada pola maleza estaba a cruz, do seu pe saía un arbusto, así que este ano volvemos cun serrón e unha fouce e aquí a tedes en todo o seu esplendor.
Que vos parece?, a que pagou a pena.


A cruz de Arrufana encóntrase enriba dun peche de pedras, mesmo ao chegar ao lugar que lle dá nome, non é unha cruz moi grande e a súa cabeza está un pouco rota pola esquina dereita, ten unha pequena cruz gravada no centro e esta cuberta por varios tipos de líquenes brancos e escuros,
Sabedes que Arrufana significa enfadada?, eu buscara hai tempo o significado desta palabra pero sen éxito e de súpeto e grazas a Xosé do Blog “Notas de lingua, etc".
Por fin souben o seu significado


Cruz da Grañavella
A cruz de Grañavella, unha cruz xiradoira, enriba dun beado, é a única destas características que se conserva ou existe en toda a parroquia, está na entrada mesma do lugar, podería identificarse como unha cruz grega, dada a súa forma, é unha cruz de sección cuadrangular moi grosa e sobre unha base cúbica do mesmo grosor, os seus brazos practicamente son do mesmo tamaño que o seu varal e ten gravado o que supoño será o ano da súa construción, 1776.

De aquí para Casateites do medio, en busca das cruces e os pozos artesáns,.
Dixéronme que na entrada da casa do cura había unha cruz, e segue habéndoa, pero non no lugar onde estaba orixinariamente, coñécese como Cruz de Xoan López, como reza na inscrición gravada nesta, non ten a antigüidade das que vimos ata agora, ten a sua data gravada na pedra, pero non a anotei e agora non me lembro, creo que é do ano 1852, pero na foto non se aprecia moi ben,  terei que volver, Javier, o cura, a levou para dentro do seu terreo, púxoa en fronte a unha pequena capela que levantou nunha adega de pedra que había ao lado dun precioso pozo artesán, pero iso non é todo, franqueando o muro de entrada do terreo puxo  unha pequena cruz grega  (non tan pequena) esta é de feitura recente como se pode apreciar na foto.

       Cruz ce Xoan López                                                      Cruz da finca do cura

  Os cruceiros do adro

Dende a orixe dos tempos o cruceiro constitúe unha das obras máis enraizadas entre as xentes da terra e a máis vinculada á relixiosidade e costumes tradicionais do pobo, sendo posiblemente un dos seus sinais de identidade, cada parroquia, cada pobo ten o seu propio cruceiro, e o lugar no que está emprazado considerase un espazo sagrado.

No adro da Igrexa  de Grañas do Sor atópanse dous cruceiros de granito, moi antigos e bastante erosionados.


Cando a pedra durmida e acochada
da terra-nai no garimoso seo
desperta do seu sono mileario
e quer ser oración e pensamento,
frorece nun varal, estende os brazos,
e póndese de pé, faise cruceiro.
                                 Ramón Cabanillas


O principal, a entrada do adro, é moi completo e orixinal de estrutura, elevada plataforma cadrangular de tres banzos o pedestal tamén é cadrangular e rematado con medias canas, o varal e cadrado con chafráns,  e curioso o deseño no seu capitel con molduras, e a  cruz fermosa cos seus brazos en chafáns e rematados con bolas, no anverso pódese ver o cristo crucificado coas mans abertas, a súa coroa de espiñas, unha caveira ós seus pés  e unha cartela de  INRI,   chama a atención especialmente pola súa imaxe mariana, unha Virxe coas mans xuntas e en actitude de orar.


Ante o cruceiro do adro
fixen ó Cristo promesa
de regresar para o ano
polo comezo das festas
para pedirlle de novo
pola xentiña do pobo.
          E. Fernández de la Cigoña



O segundo, que vai  paralelo ao lateral norte do  ábsida da igrexa, é  moi primitivo, de labra arcaica e sinxelo de traballo pero de apreciable antigüidade.  Erguese enriba dunha plataforma cadrada de dous banzos de cachoteria, o pedestal tamén é cuadrangular e rematado con medias canas , o varal é curto e está encaixado no pedestal. O capitel é cubico e de caras  lisas  no qué  case non se aprecian os  desgastados símbolos de paixón, os cravos, a coroa, o martelo... No crucifixo, de paus de remates irregulares con chafráns, aparece á fronte a imaxe de Cristo coroado de espiñas, con tres cravos e pano de pureza,  que inclina a cabeza cara á dereita, é no reverso unha Virxe  moi pequena e as penas esbozada coas mans xuntas e en actitude de orar.

A súas vellas pedras zumegan séculos e as súas formas arcaicas, así como o deseño xeral, son propias dás máis primitivas obras coñecidas.
 
Os cruceiros son obras de arte, regalía dos ollos e do esprito, e compre velos batidos pol-o sol dourado. Son de pedra e merescían ser de ouro. (Castelao)



Cruz de Subcementerio

Según nos conta Cefucho no seu libriño " As Grañas do Sor o esplendor dunha parroquia rural (1940-1970).
Onde se atopa hoxe esta Cruz, frente ao Centro Social, habia antigamente unha encrucillada de camiños que partian con dirección a Casateite, O Candedo e a Fonte dos Frades. A primeiros dos anos 40 neste lugar, Cándida e Ramil -matrimonio con tres fillos- mantiveron aberta unha taberna nun caseto de madeira tapado cunha lona  das mallas, mentras Xoán de María -o contratista- non acababa de poñer a cuberta da casa nova. A base deteriorada desta cruz, que vedes nas fotos, facía de mesa debaixo do toldo.

Cruz de Rediz
Vindo de Abeledo ao chegar ao lugar de Rediz de Arriba, e mesmo ao pasar o lugar (a man dereita quedan as casas) dobrando á esquerda, a escasos metros, nun terreo un pouco elevado da estrada encontramos unha plantación de eucaliptos, se miramos ao alto sobre o valado, un pouco agochada no medio de toxos, podemos ver unha cruz de pedra, orixinariamente, encontrábase colocada noutro lugar, pero cando fixeron a estrada foi levantada do seu asentamento e durante anos estivo perdida ata que algún veciño a encontrou e a coloco neste lugar onde non fose de novo espoliada pola man do home ou polos avatares diarios, e afortunadamente o paso do tempo e o abandono non lle produciu ningunha deterioración tanxible, como se pode apreciar na foto, aquí podedes admirar esta pequena cruz grega de granito, penso que non é das máis antigas da parroquia, pois está demasiado ben conservada.

Cruz da Ribeiras do Bispo

Na miña busca das cruces da parroquia, unha tarde a primeiros de setembro, baixei andando coa miña sogra ata a Besta, no patio da casa atopamos dous veciños do lugar, aos que lle preguntei, si  por alí ou nas Ribeiras do Bispo había algunha cruz, o paisano díxonos que cría recordar que nalgún dos muros das Ribeiras do Bispo, había unha cruz, pero sen sabernos precisar onde, e a outra máis próxima estaba no monte dá Besta, pero faltábanlle as aspas (esta se que nos explicou como chegar a ela), así que seguimos baixando ás Ribeiras do Bispo, demos unhas voltas mirando por acá e por alá, o lugar esta abandonado así que non resulta sinxelo acceder ao mesmo, pero no meu afán de dar con ela, pelexeime con silveiras e silvas, pero nada, nos muros aos que puiden acceder nin rastro de cruz, cando xa case me dera por vencida, e mentres facía unhas fotografías do lugar, cual é a miña sorpresa, ao alzar a vista, no cumio dun dos tellados descubro esta cruz, non teño forma de saber se esta  é a que se supón que orixinariamente estaba enriba do muro, xa non queda xente no lugar a quen preguntalo, pero voume contenta co meu novo achado, unha máis.

Cruz do Monte da Besta 

Damos volta, costa arriba, tira o camiño, vaia se tira, pasamos a Besta, seguimos subindo, por fin, rematáronse as costas, deixamos atrás o camiño que leva ao Serrón dos Sendeños,  a pista seguinte é a entrada ao monte dá Besta, internámonos no monte e nada, nin rastro, damos volta e de súpeto no medio do toxos e queiruga asoma o varal da cruz, teríame gustado achegarme máis pero o calzado que levaba non era adecuado, pero volverei e limparemos un pouco arredor da cruz para que se vexa mellor, é unha pena que lle falten os brazos.
De volta para Pesegueiro, no camiño atopamos a meu sogro,
¿qué fas aquí Paco?,
-estaba mirando si atopaba a Cruz dos Fameiro, lembrome que estaba aquí a entrada do prado, pero nada. Metome polo medio das silvas e dos paus, pero eu tampouco atopo nada, pero agora sei o lugar onde estaba, volverei mellor provista outro día.

Cruz do Fameiro

Por fin, despois de moito buscala, era a terceira vez que nos internabamos na maleza, demos con ela, coa Cruz do Fameiro, sabiamos onde estaba, Paco, o meu sogro, indicáranos o lugar case exacto de onde se atopaba, mesmo él a buscara, pero sen sorte, e por fin o sábado de Pascua encontrámola, alí, escondida, tombada no chan, tapada pola maleza, ( na foto de abaixo podese ver o lugar onde se encontraba) alí estaba, no lugar onde Paco nos indicara, case perderamos a esperanza de encontrala, pois a levantaron coa pa cando se fixo a pista que leva ao lugar de Pesegueiro, diso fai ben 30 anos, quedando arrimada ao muro de pedra que se ve ao fondo da primeira foto, pero logo nesa zona houbo un incendio que quemou boa parte do monte, e chuvias moi fortes que arrastraron o cisco, cubriuse de maleza, xa estaba un pouco deteriorada e dada a calidade da pedra (un cachote de xisto), todo iso facíanos pensar que podería terse roto de todo ou estar desbota.
 Esta é unha desas cruces de tránsito, de parada de cemiterio, segundo conta a miña sogra, cando saía o cortexo fúnebre da casa do defunto, o cadaleito co morto era levada aos ombros por veciños e achegados, e diante de cada unha das cruces que había no camiño vello que levaba ata a Igrexa, (neste tramo desde Pesegueiro ao Campo da Feira atopei cinco cruces)  facíase unha parada, para rezar pola alma do morto, e o párroco botaba un responso


Cruz do Pedrón de Arriba





A Cruz do Pedrón  ( de pedra granítica) está na beira da estrada que vai ao Campo da Feira dentro do terreo de Dionisio, a simple vista parece unha cruz grega, pois tápana as pedras que se amontoan no muro e os loureiros, pero me internei dentro do terreo e é unha cruz romana pois mide 81 x 90 cm.
Se ten algunha historia descoñézoa e xa non está Dionisio para contarma.
Cruz do Bernaldo

Cruz do Barrral Cativo
Seguimos andando pola estrada cara ao Campo da Feira e a poucos metros chegamos ao lugar de Currodeguas, despois de pasar o lavadoiro encontramos dúas cruces, a primeira, a man esquerda, coñecida como a Cruz de Bernaldo, creo que é a máis pequena de todas as que atopei, mide 31 x 45 cm  ten outra cruz gravada no medio, está pegada ao muro dunha adega, na entrada do camiño que vai ao que queda da que foi a casa de Teolindo Soto Barro (estreito colaborador do Rei Alfonso XII), si non te fixas ben pasarate desapercibida. A segunda na beira da estrada, a man dereita e a poucos metros da anterior despois de pasar a primeira casa, case pegada  ou máis ben un pouco recostada no muro de pedra do que noutro tempo foi propiedade de Emilia González e hoxe é de Eugenio, podemos admirar esta pequena Cruz de 55 x 35 cm que se coñece como Cruz do Barral  cativo e cuxos brazos gravados rematan en forma de pata de gansa e ten outra cruz gravada no centro, a verdade é que é moi peculiar, esta cuberta de liquens  amarelos que chaman a atención do que pasa por diante dela.
Cruz de Arganzo


Se seguimos camiñando, chegamos ao cruzamento de Arganzo, (quédanos un pouco a desman)  baixando pola estrada ao chegar á segunda casa do lugar encontramos esta cruz, non tan antiga como as anteriores, pero non por iso menos interesante, a pena é que as veces que baixei a casa estaba pechada, pero sei que está habitada ou polo menos veñen por ela de cando en vez, pois está en perfecto estado, espero este verán encontrar a alguén con quen falar e haber se me poden contar algo con respecto a esta cruz
Cruz de Areosa

Cruz do Caxigal

Desandando o andado volvemos á estrada que nos leva ao Campo da Feira, a escasos metros O Portovello, mesmo a pasar as casas pillamos o sendeiro da dereita, que nos leva ao antigo camiño que ía á Igrexa e a man esquerda a escasos cen metros, enriba dun muro de pedra e debaixo dun acivro, está a cruz de Areosa, o lugar é bastante sombrío, e a foto deixa bastante que desexar, de aquí seguimos andando polo camiño da dereita que nos leva ata O Caxigal, uns cen metros antes de chegar á casa encontramos o que queda outra cruz de pedra, orixinariamente era moito máis grande pero apareceu rota e Martín do Portovello, para conservala fíxolle unha base de cemento e púxoa pegada ao muro na parte baixa do terreo que se coñece como prado novo, mesmo na parte de arriba do Caxigal, esta cruz ten dúas letras gravadas P.B.
 Seguindo polo Caxigal adiante chegábase a Labrada, e xusto antes de chegar había outra cruz, pero agora o camiño está pechado e a cruz hai anos que desapareceu, díxonos ou Canteiro de Labrada, que cando se limpou o lugar para facer prados a pa que fixo a limpeza levouse por diante esta cruz e outra que había no camiño do Prado novo
        






Ningún comentario:

Publicar un comentario